I Copa Gallaecia de Futebol Gaélico

copa

14 Jun I Copa Gallaecia de Futebol Gaélico

O pasado sábado celebrouse a primeira edición da Copa Gallaecia, un evento que reuniu na localidade lucense de Nadela aos seis equipos mixtos galegos de fútbol gaélico: Torques de Lugoslavia, Ambilokwoi de Vigo, Suevia FG de Santiago de Compostela, Afiador@s de Ourense, O Condado Gaélico das Neves e Cascarilha da Coruña.

O torneo, a pesar de non contar co recoñecemento da Asociación Galega de Fútbol Gaélico que non outorga a oficialidade federativa á categoría mixta, evidencia o momento de auxe que vive actualmente este novo deporte dentro da xeografía galega.


O campo municipal de Nadela, feudo do Torques de Lugoslavia, serviu de emprazamento a unha Copa Gallaecia que comezou ás once da mañá coa disputa do primeiro partido da fase de grupos, a cal se estendeu ata a hora para comer e dilucidou que catro equipos clasificábanse para a rolda de semifinais. Xa nas eliminatorias finais, os locais venceron claramente ao Suevia compostelán, mentres que o outro choque entre O Condado e Ambilokwoi estivo marcado pola intensidade e a dureza, decantándose finalmente ao lado dos das Neves. A final, tensa e igualada, acaboulla levando o Torques por un axustado 7-5, alzándose así coa primeira edición desta Copa Gallaecia.

    A primeira Copa Gallaecia contou coa participación dos seis equipos mixtos de Galicia: Torques de Lugoslavia, O Condado das Neves, Ambilokwoi, Suevia FG, Afiador@s de Ourense e Cascarilha

O bo ambiente e o compañeirismo foron a tónica dominante ao longo de todo o día, exceptuando algúns roces froito da incerteza do xogo. Chama a atención que un deporte no que o contacto, os empuxóns e os golpes son tan habituais pois forman parte do mesmo,  teña o fair play como unha das súas características máis definitorias. Herdanza do rugby, quizais o deporte ao que máis se asemella o fútbol gaélico, cuxas normas básicas son explicadas neste vídeo, para todos aqueles que teñan interese en coñecer os aspectos máis destacados do mesmo.

O gañador da I Copa Gallaecia foron os Torques de Lugoslavía. Felicidades!

final